Saturday 04 de May de 2024

Manuel Vázquez Faraldo ofrece unha “mirada en positivo” para afrontar “o enorme futuro que ten Miño”


• O rexedor foi investido grazas a maioría absoluta coa que conta a lista socialista, con 8 concelleiros dun total de 13.

O salón de plenos do Concello de Miño acolleu hoxe a sesión constitutiva dunha nova corporación, tralas eleccións municipais do pasado 28 de maio. O socialista Manuel Vázquez Faraldo, que acadou maioría absoluta, foi investido e será o alcalde de Miño durante o próximo mandato.
Na votación, o rexedor foi investido grazas a maioría absoluta coa que conta a lista socialista, con 8 concelleiros dun total de 13. Pola súa parte o PP, con 4 escaños, votou á súa candidatoa e o BNG, con 1, fixo o mesmo co seu cabeza de lista.

Tras recoller o bastón de mando, o recén designado alcalde tomou a palabra para dar a benvida as e os novos concelleiros e concelleiras que entran na corporación e despedir aos que non continuarán e agradeceu “ao pobo de Miño a súa alta participación nas pasadas eleccións cun exemplar comportamento cívico e democrático falando con toda claridade e rotundidade”.

“En maio de 2019 2.141 persoas confiaron no noso proxecto para cambiar o pobo, sendo o alcalde con máis apoio da historia de Miño, e o pasado 28 de maio foron nin máis nin menos que 2.0080 persoas as que votaron pola candidatura do Partido Socialista, recibindo novamente un dos apoios máis numerosos da historia de Miño”, salientou.

Faraldo indicou que “este importante respaldo significa non só un pulo ao noso traballo senón tamén ás nosas propostas para Miño. Eses 2.080 votos son outras tantas razóns para sentir a grande responsabilidade e compromiso que teño, e que adquirimos todos os concelleiros do novo goberno, de estar á altura de esa confianza depositada para continuar co camiño emprendido hai catro anos e facer MÁIS e MELLOR de aquí ao 2027”.
“Empezamos hoxe un novo mandato no goberno local. Sabemos que aínda hai moito que facer e as condicións que nos rodean, pero temos que mirar en positivo todo o que o noso pobo é capaz de ofrecer. Miño ten un futuro enorme e todas e todos o sabemos, os que nacemos aquí e os que vos asentastes neste fermoso lugar”, destacou.